Mostrando postagens com marcador A central térmica de Unión-FENOSA en Meirama. Mostrar todas as postagens
Mostrando postagens com marcador A central térmica de Unión-FENOSA en Meirama. Mostrar todas as postagens

sábado, 21 de junho de 2008

A central térmica de Unión-FENOSA en Meirama, é o segundo foco de polución

unión fenosa
Meirama, en Cerceda, é o segundo foco de polución
Esta central da terceira maior compañía enerxética do Estado está en funcionamento dende 1980 e xera 4 millóns de MW á hora
R.VARELA SANTIAGO


Fenosa é unha empresa que nace ligada a Galiza e ao capital financeiro, é dicir, Banco Pastor. A súa sede inicialmente estaba na Coruña. Ao se converter primeiro en Unión Eléctrica Fenosa e logo en Unión Fenosa con sede en Madrid, perde o seu carácter galego e queda imbricada no gran capital financeiro español e hoxe mesmo internacional. Os grandes encoros, a explotación mineira de Cerceda, as centrais térmicas de Meirama e Sabón e recentemente algúns parques eólicos , son só algunhas das grandes realidades da empresa Fenosa ou mellor de Unión Fenosa en Galiza. Detrás quedan semiocultos diversos feitos que pertencen á nosa historia recente como son: os enfrontamento e a loita dos labregos por un prezo xusto nas terras expropiadas, traslado de poboación por asolagar terras e vivendas (o exemplo máis notable o de Portomarín) , perdas económicas por contaminar dende as térmicas cultivos e bosques...

Unión Eléctrica Fenosa nace en maio de1982 produto da fusión de Unión Eléctrica1, empresa creada en 1912 e con sede en Madrid, e Fuerzas Eléctricas del Noroeste-Fenosa- empresa galega fundada en 1943 polo Banco Pastor (sendo presidente Pedro Barrié de la Maza) e as firmas Hijos de Olimpo Pérez e Industrias Gallegas. Fenosa nacera para explotar hidroelectricamente o Miño, Tambre e Eume e garantir o abastecemento eléctrico de Galiza.

Unión Eléctrica Fenosa nace en maio de1982 produto da fusión de Unión Eléctrica1, empresa creada en 1912 e con sede en Madrid, e Fuerzas Eléctricas del Noroeste-Fenosa- empresa galega fundada en 1943 polo Banco Pastor (sendo presidente Pedro Barrié de la Maza) e as firmas Hijos de Olimpo Pérez e Industrias Gallegas. Fenosa nacera para explotar hidroelectricamente o Miño, Tambre e Eume e garantir o abastecemento eléctrico de Galiza.

Fenosa é o resultado da compra, fusión ou absorción de decenas de pequenas empresas hidroeléctricas galegas, moitas delas de ámbito local. En 1950, e por primeira vez, establécese a conexión entre as liñas de transporte de electricidade en Galicia, propiedade de Fenosa, coas do resto do Estado. En 1955 absorbe a Sociedad General Gallega de Electricidad, empresa de importante implantación en Galicia creada en 1900 e da que Pedro Barrié de la Maza foi conselleiro e presidente dende o ano 1937 até a constitución de Fenosa.

En 1955 inaugúrase o salto dos Peares no Río Miño e entre esa década e a seguinte construíanse en cadea os saltos de Belesar, Os Peares, Velle, Castrelo do Miño e Friera, todos no río Miño, asolagando extensións importantes de terras fértiles e desprazando a poboación de decenas de aldeas cuxas vivendas quedaron debaixo da auga, non sen oposición como sucedeu en Castrelo do Miño. Novos poboados como Portomarín realizados por mor do asolagamento evidencian o impacto que estes grandes encoros comportaron.

Dende finais da década dos 50, Galiza foi da man de Fenosa, unha gran produtora de electricidade de orixe hidroeléctrica (na década dos 50 polo seu labor con proxectos e construción de encoros danlle o título de ‘Conde de Fenosa’ a Pedro Barrié de la Maza). Así, en 1958 contabamos co 16,7% do total da potencia instalada do Estado, e o que é mais importante co 15,25% da produción. Pasamos en 1964 a ter o 19,86% da potencia e o 16,86% da produción, e xa aumentaba en 1968 cando se contaba co 20,7% da potencia e o 20,51% da produción do Estado. Valores similares para potencia e produción representabamos en décadas posteriores. Entre 1958 e 1969, Galicia con Fenosa cuadriplica a súa produción eléctrica mentres que o Estado só a triplica. Respecto da enerxía hidroeléctrica o incremento relativo de produción en Galicia entre 1958-64 foi de 102,35 %, mentres no Estado foi de 82,95%, e entre 1964-68 o incremento seguiu sendo moi superior ao do Estado, 43,88% en Galiza, fronte a só 18,32% no Estado. Despois da fusión de Fenosa con Unión Eléctrica no 1982, quedou como resultado Unión Eléctrica Fenosa, en 1986 comeza a expansión internacional desta nova empresa e en 1992 dáse o seu primeiro inversión directo no exterior, até conseguir instalarse en 14 países nos que está na actualidade.

Dende outubro do ano 2001, Unión Eléctrica Fenosa pasou a denominarse Unión Fenosa, nome como coñecemos a empresa eléctrica na actualidade. Unión Fenosa é a terceira maior empresa enerxética do Estado, é a eléctrica máis diversificada do seu sector en España (o 33% dos ingresos proveñen de áreas de fóra do negocio eléctrico doméstico). Ten unha cota en xeración do 12% e en distribución chega ao 13%. Desde o seu negocio eléctrico tradicional, Unión Fenosa realizou un amplío proceso de diversificación cara servizos de consultoría e telecomunicacións.

Na actualidade ten 11.699 Mw de potencia instalada en todo o mundo (fora do Estado máis de 2.700 Mw en potencia de xeración eléctrica), emprega a 17.298 persoas, factura da orde de 60.000 millóns de Kwh (no 2005 case 65.000 millóns de kWh, no 2007 59.016 millóns en electricidade e 38.044 millos de kw/h de gas) e conta con máis de 9,1 millóns de clientes de gas e electricidade. Só no Estado Español superaba xa no 2004 os tres millóns (3.239.187). A cota de produción de Unión Fenosa é da orde do 12-13% no réxime ordinario e en clientes supón o 15%. O seu negocio enerxético é integral. Unión Fenosa céntrase en diversas actividades como son a xeración eléctrica, transporte, distribución e comercialización de electricidade e gas, onde ten presenza en toda a cadea. Por medio de empresas filiais, Fenosa desenvolve ademais actividades e ten presenza noutros sectores económicos como Telecomunicacións (Auna, R, Ufnet) e Servizos profesionais en áreas de consultaría, sistemas de información.. (Soluziona).

Internacionalmente o Grupo empresarial está presente en 14 países ( a través de Soluziona ten presenza noutros 15 países ), con xeración e distribución de electricidade en Colombia e Panamá; xeración en México, Kenya e República Dominicana, e en distribución de electricidade presencia en Guatemala, Moldava, Nicaragua e Filipinas. Distribuíu electricidade auga e gas a máis de catro millóns e medio de clientes e dispón dunha potencia de xeración de 2.723 Mw.
______________________

A central térmica de Meirama emite 5,1 millóns de CO2, o dobre do que lle correspondería

AS GRANDES CONTAMINANTES NA GALIZA
A térmica emite 5,1 millóns de CO2, o dobre do que lle correspondería
RAMÓN VARELA . SANTIAGO


A central térmica de Meirama é o segundo foco emisor de dióxido de carbono en Galiza, despois da planta que Endesa ten nas Pontes, contribuíndo de xeito decisivo ao aumento do efecto invernadoiro. As emisións á atmosfera de dióxido de carbono na central de Meirama foron no ano 2007 de 5,1 millóns de toneladas moi superiores ás dos anos anteriores (3,8 millóns no ano 2006 e 4,2 millóns no ano 2005). A explicación desta flutuación da contaminación non ten que ver coa adopción de medidas anticontaminantes en determinados anos, senón que están en relación coas flutuacións da produción eléctrica e o volume de consumo de combustible gastado (lignito e hulla).

Na central térmica de Sabón, pola súa banda, as emisións foron diminuíndo dende o ano 2005 debido á menor produción da central até a súa paralización total no ano 2007.

En canto á expulsión de gases acidificantes, no ano 2007 estímanse unhas emisións na central de Meirama de 75.874 toneladas de dióxido de xofre, moi superiores ás de anos anteriores (no ano 2006 as emisións son de 63.300 toneladas e no 2005 son de 54.183 toneladas). Sucede que aínda que se produza unha diminución na emisión en Kg/Mwh, o volume total emitido anualmente pode ser igual ou superior como sucedeu no ano 2004 respecto do ano 2003, que cunha diminución do 12% en Kg/Mwh, o volume total emitido é similar en ambos os dous anos debido á maior produción eléctrica no ano 2004 respecto do 2003.


O dióxido de xofre destrúe a vexetación e o solo

A nivel mundial, os óxidos de xofre, en particular o dióxido de xofre, SO2, é un dos contaminantes máis destrutivos da vexetación e do solo, ademais de repercutir negativamente nos produtos da actividade do home, entre eles os edificios. As emisións de SO2 oxídanse facilmente na atmosfera para formar SO3, que reacciona co vapor de auga atmosférico (H2O) e forma o ácido sulfúrico (SO4H2), causante da precipitación ácida (choiva ácida) que provoca graves danos tanto á vexetación como ao solo. A distribución das emisións de xofre por rexións varía moito. Nos países europeos calcúlase que é de menos dunha a máis de trinta toneladas de SO2/km2/año (10-300 kg/ha). Na Galiza, e a principio da década dos 90, as deposicións antropoxénicas coñecidas alcanzaban 39,7 kg/ha en Ames e 78,6 kg/ha na Estrada, valores comparables aos rexistros dalgunha estación de Alemaña e achegábanse ao rexistro do Este de Estado Unidos. Aínda que un lixeiro aumento da acidez dos solos pode estimular a presenza de nutrientes, e así a capacidade produtiva, a precipitación ácida tamén provoca o desprazamento e lixiviación de varios nutrientes.

A acidez excesiva dos solos pode producir como efectos secundarios niveis tóxicos de aluminio, manganeso e outros metais que as plantas absorben facilmente. A miúdo, a actividade biolóxica do solo acidificado inhíbese, xa que a maior parte dos microorganismos prospera en solos neutros. Un efecto claro da contaminación por dióxido de xofre e a deposición ácida maniféstase na vexetación sensible con defoliación, queimaduras, perda de floración, froito, diminución do crecemento, perda de produtividade. Por poñer un exemplo baste dicir que árbores sensibles como as cerdeiras deixaron de dar froita no Val da Maía nas proximidades de Santiago por mor da contaminación de Meirama e neste ano as poucas árbores que quedaban en pé floreceron e tiveron froita por estar apagada a térmica para modificar a súa caldeira. Para contestar a pregunta de se se poden reducir as emisións de dióxido de xofre baste citar que Endesa en Teruel chegou a reducir o 95% das emisións de dióxido de xofre e Unión Fenosa a principios do ano 2006, anunciaba que ía investir 60 millóns de euros na construción nunha planta de desulfuración na central térmica de La Robla en León. Con este investimento pretende rebaixar de forma moi notable as emisións de gases acidificantes. Unión Fenosa nunca se formulou diminuír a contaminación en Meirama a pesar das continuas protestas da poboación circundante que se ven seriamente afectadas.

En canto ós óxidos de nitróxeno, as estimación de Meirama para o ano 2007 é de 11.807 toneladas (no 2006 emitíanse 6.800 toneladas e no ano 2005, 9.700 toneladas). De forma similar ao dióxido de xofre aínda diminuíndo as emisión en Kg/Mwh o volume total pode ser superior ao ano precedente.

As industrias fan fincapé sempre en que están reducindo as emisión en kg/Mwh, pero á vista do volume total emitido, podemos concluír que lixeiras reducións nas emisións en kg/Mwh –reducións que poden sobrepasar o 10%– non serven para compensar o aumento que se producen nas emisións totais polo efecto de aumentar a produción eléctrica, tendencia que sempre estará en alza, só serviría se a produción fose constante. Só reducións notables que superen o 25-30% como sucede coas reducións na emisións de partículas (pasaron de 0,7 ou 0,8 a 0,5 kg/Mwh) parecen notarse nas emisións totais de forma importante.

As empresas son remisas a reducir a contaminación ou a pagar por ela. Por Lei 12/1995, o Goberno Galego estableceu un imposto sobre a contaminación atmosférica (ICA) que grava as emisións de dióxido de xofre e óxidos de nitróxeno. A tarifa organízase en tres tramos: un primeiro exento, un segundo para emisións de entre 1,000 e 50,000 toneladas anuais (5,000 ptas/tonelada) e un terceiro para emisións de máis de 50,000 toneladas por ano (5,500 ptas/tonelada). Estas taxas impositivas do ICA son considerablemente máis baixas cás doutros impostos similares, como o sueco ou de valoracións económicas do dano ocasionado por estes contaminantes.

Unión Fenosa recorreu xudicialmente a lei, os dous regulamentos e as liquidacións xa que ao obrigalos a pagar polas emisións contaminantes, tiña que aboar anualmente aproximadamente 500 millóns de pesetas. Varias empresas, entre elas Unión Fenosa, inician procesos de alegacións para que se retire o imposto con base en que a taxa establecida pola Xunta a consideran anticonstitucional e discriminatoria, alegacións que continuamente son desestimadas. En decembro do 2005, unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia obriga a pagar case 5 millóns de euros a Unión Fenosa, importe correspondente ao imposto autonómico de contaminación referido a varios meses do ano 2001 polas emisións de dióxido de xofre e nitróxeno procedentes da térmica de Meirama e Sabón.


Altas cantidades de metais pesados, nocivos para o home

As emisións de metais pesados son importantes nas dúas térmicas de Unión Fenosa, en Meirama, destacan no ano 2007 as emisións de mercurio con máis de 1200 kg e en menor medida son importantes tamén as emisións de cromo, chumbo, arsénico.... Estes produtos químicos deixan sentir os seus efectos cando entran nos organismos e se fixan en cantidades moi pequenas, mesmo partes por millón. Algúns metais pesados son moi problemáticos como o mercurio que afecta ao sistema nervioso.

Na central térmica de Sabón destacaban as emisións de níquel e cromo, moi notables no ano 2005 e anteriores. O peche da térmica beneficiaranos de forma notable na saúde dada a perigosidade e toxicidade destes metais pesados.

Estas térmicas teñen notables emisións de dioxinas e hidrocarburos. Coas transformacións en marcha da Central Térmica de Meirama (Proxecto Fausto), que pretenden alongar en 30 anos o período útil da central, probablemente a contaminación diminuía ao utilizar como combustible carbón importado de baixo contido en xofre. Segundo a empresa aumentará a eficiencia e traerá unha notable redución das emisións á atmosfera: 24% de redución nas emisións de CO2, do 90% nas emisións de SO2, 50% en NOx, e unha diminución do 50 % dos residuos xerados.

Asociado a este proxecto (Proxecto Fausto), atópase o coñecido como Proxecto Medusa, para a descarga no Porto da Coruña do carbón de importación procedente de Indonesia, Suráfrica e Rusia. De baixo contido en xofre, o carbón pasará dende o barco por un circuíto de descarga cuberto a almacenarase en silos. Desta forma evitarase a contaminación no porto da Coruña, que deu en numerosas ocasións e durante anos protestas dos habitantes da zona próxima ao porto.
________________