sábado, 21 de junho de 2008

A central térmica de ENDESA nas Pontes acumula o 55% dos dereitos de emisión de Galiza

AS GRANDES CONTAMINANTES NA GALIZA
A factoría acumula o 55% dos dereitos de emisión de Galiza
RAMÓN VARELA . SANTIAGO


A central térmica das Pontes conta cunha cheminea moi alta, de 356m, construída co obxecto de "democratizar" a contaminación, que chegue un pouco a todos e que non se concentre na zona porque os efectos serían daniños e moi evidentes e a relación causa-efecto estaría á vista para calquera cidadán. Pretendíase que o fume contaminante rompera na medida do posible as inversións térmicas próximos á superficie e que a contaminación non quedase na zona porque podía producir fenómenos de fumigación e afectar a saúde dos veciños das Pontes. Buscábase que a contaminación se dispersara por zonas amplas –decenas ou centenares de km- onde os seus efectos prexudiciais xa serían máis difíciles de relacionar coa industria. A cheminea, que é unha das chemineas industriais máis alta de Europa, ten un diámetro de 36 m na base e 18 m de altura en coroación, e grazas a súa altura ningún lugar de Galiza escapa á súa influencia, e en particular vese máis afectado o Norte de Lugo debido a dirección dos ventos dominantes.

As emisións declaradas pola empresa e posteriormente verificadas e recollidas no Rexistro de Emisións Contaminantes EPER-España, relativas a dióxido de carbono, son moi altas. Así no último ano de rexistro, 2005, foron 9,3 millóns de toneladas de dióxido de carbono e representaban máis da cuarta parte do total de emisións galegas para este gas e nese ano. As Pontes foi durante a década dos 80 e dos 90 e segue sendo na actualidade o principal foco emisor de dióxido de carbono de Galiza e do Estado español e un dos grandes focos emisores de toda Europa. No ano 2006 emitiu un total de 9,1 millóns de toneladas e no ano 2007 a súa emisión foi de 8,9 millóns, descenso debido á paralización de algún grupo por mor das modificacións e modernización á que estaba suxeito. As emisións de dióxido de carbono son responsables do efecto invernadoiro e contribúen ao quecemento do planeta con repercusións que lle afectan ao clima, á vexetación, ao nivel do mar, á saúde humana, á diminución da produción de alimentos...

Emisións de dióxido de xofre e óxidos de nitróxeno

As Pontes é o principal foco contaminante por dióxido de xofre. No ano 2005 emitía 293.000 toneladas segundo o Rexistro de Emisións Contaminantes, EPER, o que representaba máis do 60% do total de emisión de dióxido de xofre. En 2006 e 2007, as estimacións chegan a 283.000-280.000 toneladas.

No que respecta ás emisión de Óxidos de Nitróxeno, a empresa declaraba emitir no ano 2005 , 17.400 toneladas que representan aproximadamente o 11% do total galego. Nos anos posteriores 2006 e 2007 as estimacións son similares a este valor.

As emisións de gases acidificantes dióxido de xofre e óxidos de nitróxeno conlevan unha serie de efectos directos e indirectos sobre o medio ambiente e a saúde das persoas: reducen a visibilidade, aumentan a corrosión, afectan a plantas no seu crecemento, diminúen a produción de froita, contribúen a acidificación do medio, prexudican os microorganismos do solo e aféctanlle a saúde, en especial de nenos e maiores, no aparato broncopulmonar e circulatorio..

Os gases acidificantes citados

reaccionan na atmosfera e convértense en ácidos e ao depositarse no solo, na vexetación, na auga fan baixar o pH do medio con consecuencias negativas para os seres vivos. O dióxido de xofre produce danos agudos (queimaduras, clorose...), crónicos (decoloración, perda da folla..) e transitorios dependendo da concentración, do tempo de exposición, da estación do ano, da sensibilidade da vexetación... As gramíneas forraxeiras, algunhas leguminosas, determinados liques e as árbores froiteiras de oso e pebida vense en xeral máis afectadas que o resto das plantas, os bosques vense ás veces seriamente danados.

O impacto do dióxido de xofre e da "choiva ácida" son coñecidos dende a década dos anos 80 en numerosos lugares de Galiza. As néboas ácidas afectáronlles ás plantas de horta , ás gramíneas dos prados e piñeiros novos en Vilares-Guitiriz, Betanzos, Potedeume, A Estrada, Muras, Burela, Foz...e mesmo a presenza de choiva con pH por debaixo de 5 atopouse na década dos anos 90 en numerosos puntos moi distantes das centrais térmicas como son Ames, Noia... Mesmo no ano 1992 esta última localidade cunha estación de seguimento da contaminación transfronteiriza do Estado (rede Bapmon/EMEP) detecta medias mensuais de pH de 5,2 e inferiores ( por debaixo de 5,6 considerase choiva ácida) e indica presencia de aerosois sulfatados e alta concentración de ozono en especial en xullo e agosto, e o mesmo acontece no ano 1993 e noutros.

Liberación de metais tóxicos durante a queima do carbón

Ao queimar o lignito ou calquera outro carbón libéranse os metais e metais pesados contidos nel como impureza. Unha vez emitido a atmosfera acaba por depositarse na superficie da Terra arrastrados pola choiva e a neve, alcanzando o solo e a vexetación, os ríos, océanos... As emisións de metais pesados son moi importantes, máis de 6.000 kg/ano de metais pesados saen polas chemineas das Pontes: mercurio, cadmio, cromo, níquel, chumbo... que acaban por depositarse no medio e se incorporarán aos seres vivos e ao corpo humano.

O mercurio, por exemplo, elimínase en fase gasosa ou condensado en partículas de cinza volante de pequeno tamaño que poden mesmo escapar aos sistemas de retención (se existisen) e pasar a atmosfera. (Hg asociado a partículas, Hg metálico, Hg divalente, compostos organomercuriais). O lignito presenta niveis de mercurio superiores a outros carbóns como a antracita, o carbón bituminoso e mesmo aos subbituminosos . Considérase que nos carbóns do Estado a concentración de mercurio oscila de 0,09 a 0,60 ppm (partes por millón). No lignito galego a concentración pode alcanzar 0,75 ppm. O 80% do selenio e o 95% do mercurio contidos no lignito saen subliminados cos gases da cheminea.

O mercurio é un metal tóxico- mesmo é un contaminante que pode causar danos antes de que se presenten síntomas, un contaminante persistente que se acumula na cadea alimentaria. Unha vez depositado o metabolismo microbiano pode transformalo en metil mercurio e así ten capacidade de acumularse no organismo - bioacumulación- e concentrarse nas cadeas alimenticias – bioamplificación- e en especial nas cadeas alimentarias acuáticas. Algúns peixes de consumo córrente como o atún, o peixe espada, o tiburón (aletas) poden alcanzar concentracións importantes e representar un risco para a saúde. O metil mercurio ademais de danar o sistema nervioso, traspasa a barreira placentaria e as mulleres embarazadas e en idade fértil poden acumulalo e traspasarllelo aos seus fillos, asímesmo o mercurio atravesa a barreira sanguínea do cerebro.

O mercurio é especialmente tóxico para o sistema nervioso, e mais para o sistema nervioso infantil en desenvolvemento, ao tempo que é daniño para o medio ambiente e a vida salvaxe. tanto é así que a Axencia do Medio Ambiente (EPA) de Estados Unidos, puxo en marcha un plan para reducir as emisións de mercurio a atmosfera procedentes das centrais térmicas e industrias. A EPA estima que nos Estados Unidos de América emítense 48000 Kg de mercurio ao ano procedentes das centrais térmicas. O plan prevé reducir as emisións nun 70% no año 2018, de forma que as emisións sexan de 15 toneladas por ano. Un estudo realizado polo Centro de Ciencias da Saúde da Universidade do sureño Estado de Texas indica que "por cada 450 kilogramos de mercurio liberado a atmosfera, aumenta un 17 por cento a taxa de autismo". Ante esta situación o goberno estadounidense ordenou en marzo do 2005 unha redución de case 50% na contaminación por mercurio de plantas enerxéticas durante os próximos 15 anos, para protexer os fetos e pequenos de danos ao sistema nervioso.

A despreocupación tanto da sanidade galega, como da española e mesmo europea contrasta coa preocupación americana sobre este tema. Un artigo nunha prestixiosa revista americana presenta o metil mercurio como un neurotóxico con efectos importantes sobre o desenvolvemento humano e cuantifica a perda de produtividade debida á toxicidade do metil mercurio en 8.700 millóns de dólares anuais, dos cales 1.300 millóns serían atribuíbles as emisións de mercurio das centrais térmicas estadounidenses.

O programa CAFÉ (Clean Air For Europe) da UE, que analiza o impacto da contaminación atmosférica, atribúe cerca de 350.000 mortes ao efecto das partículas secundarias orixinadas polo dióxido de xofre e óxidos de nitróxeno e 20.000 por exposición ao ozono.

Á cabeza por danos económicos e de saúde

Entre as centrais térmicas, a localizada nas Pontes , é debido a contaminación que emite, está a cabeza na EU25 por danos económicos, e por danos na saúde ao estimarse a perda de anos de vida e mortalidade .

Non todas as plantas de Endesa son obxecto de atención con medidas anticontaminación. Por exemplo nos anos 90 a empresa reducía o 95% das emisións de dióxido de xofre na térmica de Andorra en Teruel e hai dous anos puxo en marcha un proxecto de desulfuración de gases de combustión na súa central térmica de Alcúdia en Mallorca, o proxecto supuxo un investimento de 8,2 millóns de euros e estaba operativo no ano 2007. Esta planta permitía reducir as emisións de dióxido de xofre nun 75% e do 80% para partículas. No caso das Pontes, aínda sendo a planta de maior contaminación e a máis rendible e de maiores beneficios económicos, limitouse a mesturar o lignito con carbón de importación para reducir a contaminación ao 37-40% que lle obrigaba a lexislación da Comunidade Europea. Resulta curioso que mentres Endesa conta xa con plantas de desulfuración instaladas e con bos resultados nas centrais térmicas de Teruel (Andorra-Teruel), Compostilla (Ponferrada-León), Litoral de Almería (Almería), Grandilla (Tenerife) e Barranco de Tirajuana (Gran Canaria) e en fase de execución en Alcúdia (Mallorca) e Abono (Asturias), a central das Pontes non entra na lista aínda que é a térmica do Estado que máis xofre bota a atmosfera. Endesa optou nas Pontes por utilizar como combustible carbón subituminoso de importación (indonesio e estadounidense) que permitira, reducir as emisións da central a niveis que poidan cumprir a nova Directiva 2001/80/CE sobre limitación de emisións á atmosfera de determinados axentes contaminantes procedentes de grandes instalacións de combustión. A empresa espera que as emisións actuais se reduzan,no futuro, en aproximadamente as seguintes porcentaxes : 9,52% de Dióxido de carbono (C02); 95,96% de Dióxido de xofre (S02); 16,74% de Óxidos de nitróxeno (NOx ); 48,82% de Partículas e 92,90% de Cinzas. Ademais de reducir a contaminación coas modificacións en curso Endesa garantiza que a vida útil das Pontes seguirá outros vinte e cinco anos. No ano 2008 , Endesa xa modificou tres grupos térmicos e está completando o último , a central pasará a consumir 4.800.000 t/ano de carbón subituminoso que se descargará no porto exterior de Ferrol e o transporte farase en camións por autovía durante 250 días do ano.
_____________

0 comentários: