sábado, 21 de junho de 2008

Riscos sísmicos pola decisión de converter a mina das Pontes nun lago

AS GRANDES CONTAMINANTES NA GALIZA
Riscos sísmicos pola decisión de converter a mina nun lago
R.VARELA SANTIAGO

A mina de lignito a ceo aberto das Pontes está nunha depresión do Terciario e atópase dentro da área de Pedroso-As Pontes –Moiñonovo que se estendese sobre 55 km de lonxitude. Componse de dúas fallas direccionais que seguen a NW-SE . As Pontes está nunha zona comprensiva enmarcada dentro do sistema de fallas direccionais sendo a conca de maiores dimensións da zona citada. Presenta unha lonxitude máxima de 7 km por unha anchura variable entre 1,5-3 km. O baseamento da conca intégrano sedimentos precámbricos e paleozoicos intensamente deformados na oroxenia hercínica. A conca está dividida por un umbral en dúas subconcas que contiñan unha reserva de 300 millóns de toneladas de lignitos, xácigo utilizado pola Central Térmica das Pontes e hoxe esgotado.

Os recheos sedimentarios abarcan dende o Oligoceno superior -Mioceno inferior e están afectados por pregamentos, ocupan unha extensión aproximada de 1.150 hectáreas de superficie e quince km de perímetro. O xácigo de lignito ten ademais de lignito, margas, area, grava, arxilas, arxilas carbonosas e enmarcada por diversas rochas como xistos, gneis, pizarras, areíscas, seixítas... O paquete produtivo de lignito presentábase en 19 capas alternantes, pregadas ás veces, de lignito e material arxiloso, por cada tonelada de lignito que se extrae fai falla remover e cambiar de lugar 2,8 m3 de terreo, incluído no lignito atopáronse fósiles de grande interese para coñecer a vida do noso país.

O proceso de extracción dunha mina a ceo aberto como a das Pontes pódese resumir, basicamente en facer un burato moi grande, separar o material que interesa (neste caso o lignito) de todo o que se extrae de alí e depositar o resto noutro lugar para non entorpecer a extracción. No caso das Pontes, estamos ante a maior mina a ceo aberto do Estado, cunha superficie de explotación de seis quilómetros de lonxitude por entre dous e dous e medio de ancho, e unha profundidade media de douscentos metros, amplamente superada en moitas zonas, a superficie total que ocupa e superior a 2.500 hectáreas.

Calcúlase que para abastecer a térmica movéronse 720 millóns de metros cúbicos de terra para extraer ultimamente preto de cinco millóns de toneladas de lignito1 cada ano. Todo o material sobrante, chegado da escavación da mina, así como o que queda ao ar libre no fondo do burato non é precisamente fértil, antes ao contrario, tende a ter efectos negativos sobre a vida. A entulleira exterior da mina, de 1.150 hectáreas, ao lado do oco da mina creou un montículo artificial – case unha montaña– e alterou a fisionomia da zona, a empresa finalizou a restauración no ano 2006-2007 para o cal realizou a laboura de creación de solo e plantación de arborado, pasteiro, mato... con introdución de especies animais… A mina que abastece a central das Pontes pechouse o 31 de decembro do 2007, teoricamente Endesa tería que proceder ao restaurado da zona e debería deixala o máis parecido a como a atopou, aquí dentro do oco creado debía incluír agora os residuos que fora depositando noutro lugar porque ate este momento estorbaban, é dicir, dentro do oco da mina debían ter cabida os materiais que actualmente forman a entulleira e que se depositaron formando unha "montaña artificial" .

A empresa buscando a solución mais fácil e barata proxectou unha alternativa sinxela: encher de auga o oco final da explotación e acondicionar as marxes, así conséguese un lago artificial duns 8 quilómetros cadrados e 540 hectómetros cúbicos. Para facer encher o lago artificial pretende usar as achegas dos ríos que se desviaron para os traballos mineiros e ademais utilizar o río Eume. En definitiva, Endesa pretende rematar o problema da mina gastando 120,2 millóns de euros desde o peche da mina até o fin da restauración, no 2012 e pasar logo o "lago" á administración.


Incremento da sismicidade pola inxección de auga

O enchido forzado con auga do Eume e outros regatos amosa incertezas e riscos non suficientemente avaliados. O director do Instituto Universitario de Xeoloxía, X. Ramón Vidal Romaní, sinala que tanto a bacía das Pontes como a de Meirama atópanse sobre fallas activas que poderían provocar un incremento da sismicidade inducida polos millóns de m3 de auga dos lagos. Mais hai un problema engadido: o enorme volume de líquido do lago (que acabaría por ter case 5 km de longo e máis de 200 m de profundidade ), pode provocar a inxección de auga no plano de falla lubricándoo e incrementando as probabilidades de esvaramento.

A creación dun lago como o que se pretende esixe un control minucioso da calidade da auga xa que existe a tendencia a acidificación (sulfuro de ferro que pasará a sulfato e baixará o pH) e eutrofización, e mesmo descoñecemos os cambios que pode traer na humidade da atmosfera e o aumento conseguinte de pragas e enfermidades no campo e nas mesma persoas sensibles. Tampouco se pode esquecer o impacto que pode provocar a saída da auga do lago no curso do Eume e nos recursos vivos non só do Río senón da Ría de Pontedeume.


O abandono de lignito non suporá menos emisións

A central térmica das Pontes é unha das industrias máis contaminantes de Galiza e do Estado, aínda co abandono do lignito e co cambio de combustible esta industria, dada a súa magnitude –é a central de maior potencia do Estado–, seguirá emitindo un volume tremendamente elevado de gases de efecto invernadoiro, acidificantes, metais e metais pesados, partículas... Parece que o interese da empresa e da administración por diminuír estas emisións non é moito.

Nin a imposición de taxas do Goberno Galego nin o Plan de Asignación de Emisións do Goberno Central están servindo para frear a contaminación que emite, seguramente porque no primeiro caso a imposición de taxas foi tímida e raquítica e no segundo porque non son de obrigado cumprimento e a empresa busca sempre unha saída a baixo prezo. Mentres, seguiremos padecendo no medio natural e na saúde o impacto das súas emisións. Por se fora pouco, a administración parece consentir que a empresa peche o tema da mina enchendo de auga un burato que tiña que recuperarse necesariamente.
________________

0 comentários: