AS GRANDES CONTAMINANTES
Repsol emite o 4,6% do CO2 do total de Galiza
A refinaría ten unha capacidade de tratamento de cru de seis millóns de tm ó ano e supón o 50% dos ingresos da Autoridade Portuaria
04.06.2008 RAMÓN VARELA
En 1964 comeza a funcionar Petroliber cunha capacidade de tratamento de cru de dous millóns de toneladas. Localízase entre os vales de Bens e Nostián e a 3 km da Coruña, nunha extensión de 70 Has. A refinería coruñesa en 1987 cambia de denominación e pasa a chamarse Repsol Petróleo S.A., ampliándose a 150 has de extensión e triplicando a produción de produtos petrolíferos. En Galiza descárgase da orde do 8,8% do cru do Estado, representando os produtos obtidos o 9% do total. Predomina a produción de gasóleo en cerca do 40%, seguida de gasolina e fuel. Na actualidade é a única Refinería de petróleo que temos en Galiza, pertence a Repsol YPF multinacional cuxa sede está en Madrid. A instalación dunha refinería nun lugar concreto, non é a instalación dunha industria máis. As refinerías ademais das instalacións principais de refino, supoñen diversas instalacións secundarias de almacenamento de produtos tanto no porto de descarga como nas propias refinerías. Precisan do traslado vía marítima ou terrestre do petróleo e dos produtos refinados, necesitan oleodutos, aumentan o tráfico de mercadorías perigosas por estrada. Ao perigo que representan as refinerías e os oleodutos , con posibilidade de fugas, accidentes, explosións... temos que sumarlle un perigo especial ó que representa o transporte de miles de toneladas de petróleo e produtos de refino por barco. Lembremos que o petroleiro ‘Urquiola’ foi un dos que deixou unha marea negra no interior da Ría de Coruña, xa que traía petróleo para a refinería e outros barcos como o ‘Andros Patria’ ou o ‘Prestige’ están relacionados co transporte de materia prima para as refinerías.
Repsol YPF é unha empresa multinacional de petróleo e gas, con actividades en 29 países ( 13 americanos, 6 europeos, 5 asiáticos e 5 africanos) e líder en España e Arxentina. Considérase unha das dez maiores petroleiras privadas do mundo e a maior compañía privada enerxética en Latinoamérica en término de activos. Conta con máis de 30.000 empregados e uns beneficios anuais que sobrepasan os 3.000 millóns de euros.
A actividade de Repsol está diversificada e céntrase fundamentalmente na explotación e produción de petróleo, refino de petróleo, na industria química (con produción de etileno, propileno, benceno…), na produción de gas e electricidade, e no seu almacenamento, transporte, distribución e comercialización.
Ten unha produción de hidrocarburos de máis de 1,1 millóns de barrís equivalentes de petróleo día e as súas reservas de cru e gas superan os 5.400 millóns de barrís equivalentes de petróleo, que se localizan, fundamentalmente, en Latinoamérica e Norte de África.
Cunha capacidade de refino de máis de 1,2 millóns de barrís por día, opera nove refinerías, cinco delas no Estado Español (Cartaxena, Puertollano, Tarragona, Bilbao e A Coruña), tres en Arxentina e unha en Perú. Ademais, posúe participacións en tres refinerías, unha en Arxentina e dúas en Brasil. Comercializa os seus produtos petrolíferos a través dunha ampla rede de máis de 6.600 puntos de venda distribuídos en Europa e Latinoamérica. Repsol YPF é a operadora líder en Arxentina e en España e un dos principais en Perú e Ecuador. No negocio dos gases licuados de petróleo (GLP), cunhas vendas anuais de case tres millóns de toneladas, Repsol YPF é a terceira compañía máis grande do mundo e unha das máis eficientes.
A actividade química de Repsol YPF lévase a cabo, fundamentalmente, en cinco complexos industriais, dous deles localizados en España e tres en Arxentina. Os mercados máis importantes son o sur de Europa e os países do Mercosur. Este negocio, que conta cun alto nivel de integración co refino e coa produción de gas natural, dispón de tecnoloxía propia en produtos de alto valor engadido.Ademais, distribúe gas natural, directamente ou a través das súas filiais, a máis de 8,7 millóns de clientes en España e Latinoamérica, dos cales máis de 4 están en Latinoamérica.
A actual Repsol procede da creación en 1927 por Real Decreto no Estado Español do Monopolio de Petróleo coa finalidade de importar cru e refinar, almacenar, distribuír e vender produtos petrolíferos. En 1928 comeza a funcionar o Monopolio de petróleos, un ano despois constituíuse a sociedade anónima Campsa (Compañía Española de Petróleos S.A.), cuxos socios son os grandes bancos españois e en 1930 esta empresa pon en marcha a primeira refinería do Estado, a de Tenerife. En 1961, o Ministerio de Industria autoriza a constitución da sociedade anónima Petroliber (Compañía Ibérica Refinadora de Petróleos S.A.) e a creación dunha Refinería na Coruña. Petroliber é unha empresa mixta formada pola Compañía Ibérica de Petróleo S.A. de capital público español e Ohio Oil Company, queda constituída cun 54% de capital estatal, 28% achegado pola multinacional Marhatón e o 18% por accionistas privados.
En 1964 xa comeza a funcionar Petroliber e se inicialmente a súa capacidade de tratamento de cru era de dous millóns de toneladas, a partir dos cales obtiña gasolina, keroseno, gasóleo, fueloil, combustible de aviación e agrícola, naftas para petroquímica... Posteriormente, en 1967, ampliou a súa capacidade de tratamento en dous millóns máis. Dende 1978 conta cunha capacidade de tratamento de cru superior a 6 millóns t/ano, procesando ó ano entre 5,5-6 millóns de toneladas.
Repsol, consecuencia do reordenamento do sector en 1987
En 1981 créase o Instituto Nacional de Hidrocarburos (INH), entidade de dereito público adscrita ao Ministerio de Industria e Enerxía e Petroliber traspasase conxuntamente con outras empresas ao INH. En 1984 reordénase o sector petroleiro con vistas á entrada na CEE e para a liberalización real do sector e en 1987 créase Repsol, que forma parte dunha reorganización de actividades petroleiras e gasistas cuxa titularidade tiña o INH.
A refinería coruñesa en 1987 cambia de denominación e pasa a chamarse Repsol Petróleo S.A. Conta na actualidade con 150 hectáreas de extensión (inicialmente contaba con 70 has) e produce gasolina, "gasolina ecolóxica", queroseno, gasóleo, fueloil, combustible para a navegación marítima, hidrocarburos C3, GLP, propileno, propano, butano, nafta , coque, xofre e na súas plantas de coxeración electricidade e calor. Repsol dálles traballo directo a 543 persoas, e diariamente operan no complexo unhas 200 persoas pertencentes a outras empresas.
A refinería sufriu dende a súa inauguración continuas transformacións ademais de aumentar a súa capacidade de tratamento de petróleo. En 1970 púxose en marcha unha planta de hidrodesulfuración e unha planta de recuperación de xofre. En 1982 inaugúrase unha unidade de conversión con unidades de craqueo catalítico, coquización retardada e calcinación de coque. En 1988 puxéronse en marcha unidades de Metil-Terbutil–Eter que substitúe o chumbo como aditivo na gasolina (MTBE ) e propileno e en 1994 unidades de desulfuración de gasóleo e nova planta de recuperación de xofre .
Transformacións e ampliación de capacidade periódica
A existencia dunha refinería na Coruña confírelle a Galiza unha presenza significativa na xestión de recursos enerxéticos a nivel do Estado, destinándose os produtos transformados tanto ao mercado interior como ao exterior.
A refinería da Coruña está capacitada para procesar cru de distinta procedencia, desde os moi lixeiros até os pesados, está dotada de conversión profunda (craqueo catalítico FCC e coquinización) o que lle permite funcionar con baixa elaboración de fuelóleos, sendo o resto produtos destilados, asfaltos, coque e electricidade. Foi orientada a produción de produtos medios, lixeiros e desulfurados e de gasolinas sen chumbo. Ten unha capacidade de tratamento de cru de 6.000.000 toneladas/ano e no 2001 procesáronse nesta refinería 5.991 ktep (5.093 cru de petróleo e 898 produtos petrolíferos). A súa capacidade de almacenamento de cru é de 570.000 m3 e dun millón de m3 de almacenamento de produtos refinados.
En Galiza descárgase aproximadamente o 8,8% do cru do Estado, representando os produtos obtidos o 9% do total. Predomina a produción de gasóleo en preto do 40%, seguida de gasolina e fuel. A participación dos produtos petrolíferos na enerxía primaria que se xestiona en Galiza sitúase no 58,7% (similar á media nacional )
A planta existente está conformada pola refinaría, no polígono industrial da Grela-Bens; e pola terminal marítima, no porto da Coruña. Ambas as dúas instalacións están conectadas a través dun oleoduto. A Refinería conta con unidades principais e outras auxiliares e dálles emprego a 537 traballadores.
O porto da Coruña, coñecido de antigo polas súas descargas de peixe, está hoxe centrado cada vez máis na actividade industrial ligada a grandes empresas como Repsol , Unión Fenosa (descarga de carbón para a central térmica de Meirama), Ferroatlántica (carga de seixo)...
A empresa Repsol YPF é a de maior actividade no Porto da Coruña, e día a día está aumentando as súas cargas e descargas. Hoxe ela só representa máis do 50% dos ingresos da Autoridade Portuaria. Se o Porto da Coruña foi nalgunha época importante e coñecido pola descarga de peixe, onde centraba a súa principal actividade, na actualidade o peixe parece coma se fose unha actividade secundaria (cada vez con menor peso na actividade portuaria), e mesmo parece que "estorba" a outras actividades. De continuar a situación actual, a descarga de peixe converterase nunha actividade secundaria e seguramente "irá a menos" como sucede nos últimos anos . Repsol cada ano ten máis actividade portuaria. Nun ano normal freta preto de 300 barcos ( no 2005 freta 288 barcos –111 de entrada e 177 de saída–.
Do porto parte o oleoduto, cun trazado de 6,4 quilómetros de longo que percorre varios barrios (Eirís, barrio das Flores, O Birloque, polígono da Grela) cumpre a función de transportar o petróleo cru desde o porto até o complexo de Bens. En dirección contraria, os produtos refinados, como gasolina, gasóleo, nafta ou keroseno, circulan desde a planta industrial ate a terminal de San Diego para ser embarcados e exportados a todo o mundo, mesmo se exportan desde hai anos a Estados Unidos (Texas).
Tráfico marítimo anual de 7 millóns de tm de graneis líquidos
Repsol xera un tráfico marítimo anual que supera os sete millóns de toneladas de graneis líquidos, o que representa aproximadamente 20.000 toneladas ao día. O oleoduto discorre ao aire libre, aínda que acoutado, nos seus primeiros metros, na zona de Casablanca. Despois, vai enterrado até conectar coa refinería.
Aínda que a localización da refinaría é hoxe polémica, e numerosas voces se pronunciaron facendo notar que existe un perigo real en especial no almacenamento de produtos petrolíferos e cru en grandes tanques, iso non foi obstáculo para continuas ampliacións da refinaría e mesmo na actualidade pretende traer ao seu carón instalacións novas que amplifican os problemas e os perigos.
A empresa Acciona e Repsol YPF colaborarán na construción na Coruña dunha planta de produción de biodiésel (carburante para automóbiles obtido a partir de aceite de colza, de xirasol, de soia ou de palma). A planta pretende instalarse no contorno da refinería para "aproveitar as sinerxías de ambas as dúas instalacións". A planta de biodiésel prevé estar en funcionamento a finais do ano 2009. Producirá 200 millóns de litros anuais de biodiésel, empregará 40 persoas e requirirá dun investimento inicial de 80 millóns de euros, e facturará 160 millóns de euros/ano.
Trátase da terceira factoría deste tipo anunciada para Galiza. De levarse a efecto, o movemento portuario aumentará e se xa hoxe achega o 50% dos ingresos da Autoridade Portuaria, no futuro o peso será bastante maior.
sábado, 21 de junho de 2008
Repsol emite o 4,6% do CO2 do total de Galiza
Postado por Colectivo Sociocultural "A Revolta de Trasancos" às 09:55
Marcadores: Refinería da Coruña, Repsol YPF
Assinar:
Postar comentários (Atom)
0 comentários:
Postar um comentário