FERROALIAXES
Ferroatlántica cáusalle graves agresións ó medio
Con tres plantas en Cee, Dumbría e Sabón, altera hábitats e ecosistemas coas súas emisións, minicentrais e explotacións mineiras
08.06.2008 RAMÓN VARELA
Instalacións da empresa Ferroatlántica situadas na localidade coruñesa de Cee
Instalacións da empresa Ferroatlántica situadas na localidade coruñesa de Cee
A industria de ferroaliaxes naceu e desenvolveuse unida á industria siderúrxica. Na actualidade estende a súa influencia e ten relación con catro sectores básicos da industria: siderúrxico, sector do aluminio, sector das siliconas e sector dos electrodos de soldadura.
Na industria de ferroaliaxes xéranse produtos moi diversos, entre eles os principais son: ferromanganeso, ferrosilicio, silicomanganeso e silicio metal. Os tres primeiros utilízanse no 90% na fabricación do aceiro e no 10% na fundición como desoxidantes ou elementos de alleación. O silicio metal utilízase fundamentalmente na industria do aluminio e en aplicación químicas como as siliconas.
Nesta industria tamén se aproveitan e reciclan os residuos para elaborar novos produtos. Así, as pulverizacións dalgunhas ferroaliaxes serven para preparar electrodos de soldadura, e mesmo o filtrado do fume e as partículas retidas se utilizan para preparar un novo produto,a microsilice. A microsilice utilízase para engadir ao formigón armado e así dálle a este mellores cualidades como son maior resistencia mecánica, maior resistencia ao ataque químico e serve para darlle impermeabilidade.
Carburos Metálicos de Cee é unha das instalacións industriais máis antigas de Galiza. Ten actividade dende 1904 e producía carburo cálcico, imprescindible para producir luz nos candís de carburo. En 1922, a factoría produce tamén ferromanganeso e trece anos despois fabrica ferrosilicio e silicomanganeso. En 1992, a empresa Carburos Metálicos pasou a pertencer a Ferroatlantica. O único río galego, o Xallas, e un dos poucos do planeta que desemboca no mar por unha fervenza viuse afectado pola actividade industrial de Ferroatlantica, e por mor dun encoro que a abastece desapareceu como tal a fervenza. Só nalgún inverno moi chuvioso podemos vela como foi hai tempo.
Ferroatlántica é o primeiro produtor de ferroaliaxes do Estado español, e á súa vez é a segunda produtora da Unión Europea. Ferroatlántica está composta por tres compañías principais: a propia Ferroatlántica S.L., Hidro Nitro Española, S.A. e Ferroatlántica de Venezuela, S.A. (Ferrovén), así como unha serie de filiais de menor dimensión que realizan actividades directamente relacionadas coa industria e o mercado das ferroaliaxes.
Ferroatlántica é o primeiro produtor de ferroaliaxes do Estado español, e á súa vez é a segunda produtora da Unión Europea. Ferroatlántica está composta por tres compañías principais: a propia Ferroatlántica S.L., Hidro Nitro Española, S.A. e Ferroatlántica de Venezuela, S.A. (Ferrovén), así como unha serie de filiais de menor dimensión que realizan actividades directamente relacionadas coa industria e o mercado das ferroaliaxes.
Aínda que identificamos sempre a Ferroatlántica coa produción de ferroaliaxes, ten outras moitas actividades: Holding, Inmobiliaria, Enerxía, Fertilizantes, Activos financeiros, Construción... Ferroatlántica S.L. pertence ao Grupo Ferroatlántica, estruturado a partir de catro grandes compañías : Ferroatlántica; Fertiberia –produtora de pensos–, Priesa (inmobiliaria, Promociones e propiedades Inmobiliarias Espacio S.L.) e OHL –construtora–.
Estas empresas compleméntanse con outras entidades filiais como Cuarzos Industriales (explotación de mineral), Pacadar e Prelesa (deseño, fabricación e venda de prefabricados de formigón armado e pretensados), Espacio Information Technology (xestión de sistemas de información), Codisoil (comercialización, transporte e distribución de gasóleo) e Mothercare Ibérica (roupa e artigos para nenos).
Ferroatlántica S.L., empresa filial ao 100% do Grupo Villar Mir desde 1992, produce e vende ferroaliaxes e silicio metal, ademais de enerxía eléctrica. Ten tres fábricas en Galicia: Cee, Dumbría, Sabón, e dúas mais en Santander (Boo a 10 km de Santander) e Huesca (Monzón),
A industria de obtención de ferrosilicio, ferromanganeso, silicio metal, silicomanganeso e microsilice está representada en Galiza pola empresa Ferroatlántica do Grupo Villar Mir con fábricas en Cee, Dumbría e Sabón. Ferroatlántica iniciou a súa expansión dende Galiza e débelles ás fábricas galegas ser o único produtor de ferroaliaxes do Estado español, estar considerado como o segundo produtor no conxunto da Unión Europea e o terceiro a nivel europeo.
Galiza, lugar ideal para a instalación destas fábricas
Dende o punto de vista empresarial, Galiza cumpre as condicións idóneas para a instalacións da industria de ferroaliaxes: abundancia de materia prima, excedentaria en electricidade, auga abundante, bos portos, man de obra barata... A fabricación de ferroaliaxes consumen grandes cantidades de enerxía eléctrica, polo que estas industria tratan de localizarse en lugares produtores e mesmo excedentarios de electricidade como Galiza. Ao mesmo tempo é moi importante situarse preto das fontes de materias primas – seixo galego– e nas proximidades de portos de certo calado para a entrada de buques e exportación do produto obtido.
Ferroatlántica comproulle en decembro de 1992 a Carburos Metálicos –Air Products– as fábricas galegas de ferroaliaxes citadas. O cadro destas tres fábricas é de 362 empregados entre fixos e eventuais, dos que 236 pertencen a Cee-Dumbría e 126 a Sabón. A produción máis importante é ferrosilicio e ferromanganeso da orde de 80.000 t/ano e silicio metal que supera as 30.000 t/ano. Ferroatlántica en Galiza, ademais de contar coas fábricas mencionadas, ten dúas importantes minas a ceo aberto de seixo e áridos, unha serie de encoros nos ríos Grande, Xallas e Dumbría e unha planta de coxeración. Se as ferroaliaxes son un gran negocio para Ferroatlántica, algúns anos o seu maior negocio está representado pola produción e venda da electricidade. Ademais, conta con tres fábricas de ferroaleación en Cee, Dumbría e Sabón. Conta cunha hidroeléctrica e unha planta de coxeración en Sabón, mentres que no sector mineiro posúe unha mina de cuarzo en Vedra e unha de áridos en Santiago.
Produción de ata cinco tipos de compostos
Nestas plantas produce: silicio metal, ferrosilicio, ferromanganeso, silicio manganeso e microsilice. O silicio, cunha pureza superior ao 98,5%, utilízase nas aleacións de aluminio, na industria química para fabricar silicona, na fabricación de semicondutores e células solares fotovoltaicas. O ferrosilicio utilízase nos aceiros inoxidables (perfís, rodamentos, pezas de maquinaria eléctrica...) dado que o silicio, á parte de dar dureza, ten un carácter desoxidante. Pola súa banda, o ferromanganeso ten aplicación no aceiro como desulfurante e como materia prima para aceiros de manganeso. O silicio manganeso substitúe o ferrosilicio e ferromanganeso na adición dos aceiros. O silicio achega o carácter desoxidante e o manganeso o desulfurante na fabricación de ferro manganeso afinado. Utilízase como redutor. Por último, a microsilice é un produto inorgánico amorfo de elevada finura que se utiliza para morteiros e formigóns na construción, xa que dá un formigón pouco poroso cunha estrutura máis densa e homoxénea.
Son moi diversos os compostos fabricados, presentando ás veces só lixeiras variacións na composición química. Entre eles temos: Ferrosilicio de alta pureza; ferrosilicio standard, ferrosilicio pulverizado, ferrosilicio, ferromanganeso pulverizado (con diversas variedades HG,MC,VLC,LC con oscilación na concentración de manganeso desde 75 ao 92%); silicomanganeso pulverizado; manganeso metal pulverizado, silicomanganeso pulverizado estándar, ferrosilico manganeso, ferrosilicio manganeso estándar, micosilice…
O silicio prodúcese en fornos de arco eléctrico somerxidos con redución carbotérmica de seixo en presenza de diversos tipos de axentes redutores de carbonados. Comercialízanse como graos, po, gránulos, terróns... Segundo o uso a que vaia destinado que pode ser a industria química e a industria de aluminio, na industria química serve para fabricar metilclorosilanos, triclorosilanos e tetraclorosilicio, na industria de aluminio serve de fundente primario e secundario para facer aleacións para moldeo en diversas industrias en especial para industria do automóbil.
________________
sábado, 21 de junho de 2008
Ferroatlántica cáusalle graves agresións ó medio
Postado por Colectivo Sociocultural "A Revolta de Trasancos" às 09:35
Marcadores: Ferroatlántica en Cee, industria de ferroaliaxes, Sabón e Dumbria
Assinar:
Postar comentários (Atom)
0 comentários:
Postar um comentário