sábado, 21 de junho de 2008

A central térmica de Meirama emite 5,1 millóns de CO2, o dobre do que lle correspondería

AS GRANDES CONTAMINANTES NA GALIZA
A térmica emite 5,1 millóns de CO2, o dobre do que lle correspondería
RAMÓN VARELA . SANTIAGO


A central térmica de Meirama é o segundo foco emisor de dióxido de carbono en Galiza, despois da planta que Endesa ten nas Pontes, contribuíndo de xeito decisivo ao aumento do efecto invernadoiro. As emisións á atmosfera de dióxido de carbono na central de Meirama foron no ano 2007 de 5,1 millóns de toneladas moi superiores ás dos anos anteriores (3,8 millóns no ano 2006 e 4,2 millóns no ano 2005). A explicación desta flutuación da contaminación non ten que ver coa adopción de medidas anticontaminantes en determinados anos, senón que están en relación coas flutuacións da produción eléctrica e o volume de consumo de combustible gastado (lignito e hulla).

Na central térmica de Sabón, pola súa banda, as emisións foron diminuíndo dende o ano 2005 debido á menor produción da central até a súa paralización total no ano 2007.

En canto á expulsión de gases acidificantes, no ano 2007 estímanse unhas emisións na central de Meirama de 75.874 toneladas de dióxido de xofre, moi superiores ás de anos anteriores (no ano 2006 as emisións son de 63.300 toneladas e no 2005 son de 54.183 toneladas). Sucede que aínda que se produza unha diminución na emisión en Kg/Mwh, o volume total emitido anualmente pode ser igual ou superior como sucedeu no ano 2004 respecto do ano 2003, que cunha diminución do 12% en Kg/Mwh, o volume total emitido é similar en ambos os dous anos debido á maior produción eléctrica no ano 2004 respecto do 2003.


O dióxido de xofre destrúe a vexetación e o solo

A nivel mundial, os óxidos de xofre, en particular o dióxido de xofre, SO2, é un dos contaminantes máis destrutivos da vexetación e do solo, ademais de repercutir negativamente nos produtos da actividade do home, entre eles os edificios. As emisións de SO2 oxídanse facilmente na atmosfera para formar SO3, que reacciona co vapor de auga atmosférico (H2O) e forma o ácido sulfúrico (SO4H2), causante da precipitación ácida (choiva ácida) que provoca graves danos tanto á vexetación como ao solo. A distribución das emisións de xofre por rexións varía moito. Nos países europeos calcúlase que é de menos dunha a máis de trinta toneladas de SO2/km2/año (10-300 kg/ha). Na Galiza, e a principio da década dos 90, as deposicións antropoxénicas coñecidas alcanzaban 39,7 kg/ha en Ames e 78,6 kg/ha na Estrada, valores comparables aos rexistros dalgunha estación de Alemaña e achegábanse ao rexistro do Este de Estado Unidos. Aínda que un lixeiro aumento da acidez dos solos pode estimular a presenza de nutrientes, e así a capacidade produtiva, a precipitación ácida tamén provoca o desprazamento e lixiviación de varios nutrientes.

A acidez excesiva dos solos pode producir como efectos secundarios niveis tóxicos de aluminio, manganeso e outros metais que as plantas absorben facilmente. A miúdo, a actividade biolóxica do solo acidificado inhíbese, xa que a maior parte dos microorganismos prospera en solos neutros. Un efecto claro da contaminación por dióxido de xofre e a deposición ácida maniféstase na vexetación sensible con defoliación, queimaduras, perda de floración, froito, diminución do crecemento, perda de produtividade. Por poñer un exemplo baste dicir que árbores sensibles como as cerdeiras deixaron de dar froita no Val da Maía nas proximidades de Santiago por mor da contaminación de Meirama e neste ano as poucas árbores que quedaban en pé floreceron e tiveron froita por estar apagada a térmica para modificar a súa caldeira. Para contestar a pregunta de se se poden reducir as emisións de dióxido de xofre baste citar que Endesa en Teruel chegou a reducir o 95% das emisións de dióxido de xofre e Unión Fenosa a principios do ano 2006, anunciaba que ía investir 60 millóns de euros na construción nunha planta de desulfuración na central térmica de La Robla en León. Con este investimento pretende rebaixar de forma moi notable as emisións de gases acidificantes. Unión Fenosa nunca se formulou diminuír a contaminación en Meirama a pesar das continuas protestas da poboación circundante que se ven seriamente afectadas.

En canto ós óxidos de nitróxeno, as estimación de Meirama para o ano 2007 é de 11.807 toneladas (no 2006 emitíanse 6.800 toneladas e no ano 2005, 9.700 toneladas). De forma similar ao dióxido de xofre aínda diminuíndo as emisión en Kg/Mwh o volume total pode ser superior ao ano precedente.

As industrias fan fincapé sempre en que están reducindo as emisión en kg/Mwh, pero á vista do volume total emitido, podemos concluír que lixeiras reducións nas emisións en kg/Mwh –reducións que poden sobrepasar o 10%– non serven para compensar o aumento que se producen nas emisións totais polo efecto de aumentar a produción eléctrica, tendencia que sempre estará en alza, só serviría se a produción fose constante. Só reducións notables que superen o 25-30% como sucede coas reducións na emisións de partículas (pasaron de 0,7 ou 0,8 a 0,5 kg/Mwh) parecen notarse nas emisións totais de forma importante.

As empresas son remisas a reducir a contaminación ou a pagar por ela. Por Lei 12/1995, o Goberno Galego estableceu un imposto sobre a contaminación atmosférica (ICA) que grava as emisións de dióxido de xofre e óxidos de nitróxeno. A tarifa organízase en tres tramos: un primeiro exento, un segundo para emisións de entre 1,000 e 50,000 toneladas anuais (5,000 ptas/tonelada) e un terceiro para emisións de máis de 50,000 toneladas por ano (5,500 ptas/tonelada). Estas taxas impositivas do ICA son considerablemente máis baixas cás doutros impostos similares, como o sueco ou de valoracións económicas do dano ocasionado por estes contaminantes.

Unión Fenosa recorreu xudicialmente a lei, os dous regulamentos e as liquidacións xa que ao obrigalos a pagar polas emisións contaminantes, tiña que aboar anualmente aproximadamente 500 millóns de pesetas. Varias empresas, entre elas Unión Fenosa, inician procesos de alegacións para que se retire o imposto con base en que a taxa establecida pola Xunta a consideran anticonstitucional e discriminatoria, alegacións que continuamente son desestimadas. En decembro do 2005, unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia obriga a pagar case 5 millóns de euros a Unión Fenosa, importe correspondente ao imposto autonómico de contaminación referido a varios meses do ano 2001 polas emisións de dióxido de xofre e nitróxeno procedentes da térmica de Meirama e Sabón.


Altas cantidades de metais pesados, nocivos para o home

As emisións de metais pesados son importantes nas dúas térmicas de Unión Fenosa, en Meirama, destacan no ano 2007 as emisións de mercurio con máis de 1200 kg e en menor medida son importantes tamén as emisións de cromo, chumbo, arsénico.... Estes produtos químicos deixan sentir os seus efectos cando entran nos organismos e se fixan en cantidades moi pequenas, mesmo partes por millón. Algúns metais pesados son moi problemáticos como o mercurio que afecta ao sistema nervioso.

Na central térmica de Sabón destacaban as emisións de níquel e cromo, moi notables no ano 2005 e anteriores. O peche da térmica beneficiaranos de forma notable na saúde dada a perigosidade e toxicidade destes metais pesados.

Estas térmicas teñen notables emisións de dioxinas e hidrocarburos. Coas transformacións en marcha da Central Térmica de Meirama (Proxecto Fausto), que pretenden alongar en 30 anos o período útil da central, probablemente a contaminación diminuía ao utilizar como combustible carbón importado de baixo contido en xofre. Segundo a empresa aumentará a eficiencia e traerá unha notable redución das emisións á atmosfera: 24% de redución nas emisións de CO2, do 90% nas emisións de SO2, 50% en NOx, e unha diminución do 50 % dos residuos xerados.

Asociado a este proxecto (Proxecto Fausto), atópase o coñecido como Proxecto Medusa, para a descarga no Porto da Coruña do carbón de importación procedente de Indonesia, Suráfrica e Rusia. De baixo contido en xofre, o carbón pasará dende o barco por un circuíto de descarga cuberto a almacenarase en silos. Desta forma evitarase a contaminación no porto da Coruña, que deu en numerosas ocasións e durante anos protestas dos habitantes da zona próxima ao porto.
________________

0 comentários: