VIGO
Citroën, tan produtiva como contaminante
A maior planta europea de fabricación de automóbiles é a última do Grupo en adaptar as súas instalacións para evitar o alto nivel de emisións
06.06.2008 RAMÓN VARELA
PSA Peugeot Citroën é unha multinacional francesa que reúne dúas marcas presentes en máis de 150 países e con vendas que ascenderon no ano 2007 a 3,4 millóns de vehículos. Tanto Peugeot como Citroën teñen o seu principal mercado de vendas en Europa Occidental, onde venden arredor de 2,3 millóns de coches. O Grupo, segundo construtor de automóbiles europeo, ten unha cota de mercado do 14,3%, e segue intentando medrar fóra de Europa .
O Grupo conta con fábricas de mecánica e fundición que se encargan de subministrarlles ás demais fábricas do grupo pezas mecánicas (motores, caixas de cambio...) e pezas de fundición. Ten tamén fábricas "terminais" que se encargan das fases finais de fabricación de vehículos (estampado, ferraxe, pintura e montaxe) e establecementos de montaxe que fabrican baixo licenza os vehículos que lles subministran desarmados.
As fábricas "terminais" están instaladas en Europa Occidental, Arxentina e Brasil e fabrican en colaboración con outras empresas do automóbil como con Fiat (Italia e Francia), Toyota (R. Checa) e con Dongfend Motor (China). Recentemente, construíu unha planta de ensamblado dunha capacidade de 300.000 vehículos anuais, en Trnava (Eslovaquia).
Política de plataformas e eficacia industrial
Parte do éxito da empresa está na política de plataformas e na eficacia industrial, que permiten cada ano a economía de 600 millóns de euros en custos de produción. A política de plataforma iniciada por PSA Peugeot Citroën en 1998 favorece segundo a empresa a diversidade de modelos, a aceleración do ritmo de lanzamento e optimizar o aproveitamento da capacidade produtiva.
Unha plataforma é unha base común a varios vehículos de marcas Peugeot e Citroën, composta por baixos de carrocería, grupo de motopropulsión, transmisión, unión ao solo... e debe representar como mínimo o 60% do prezo de custo do vehículo. A partir desta mesma base desenvólvense distintas versións moi diferentes. En Vigo está a maior planta de produción de automóbiles de PSA Peugeot Citroën. Non só é a maior que ten o Grupo PSA en España senón en Europa. É unha fábrica das coñecidas como "fábrica terminal" porque aquí non se realiza nin deseño, nin I+D , senón unicamente as fases finais da fabricación de vehículos. Unha fábrica "terminal" en realidade son catro fábricas que realizan labores distintos continuados e interdependentes, labores coñecidos como de estampado ou embutición, ferraxe ou soldadura, pintura e montaxe .
A planta de Vigo que xa fabricou até hoxe 9 millóns de automóbiles, iniciou a súa actividade como Citroën no ano 1958 e nuns locais da Xunta de Obras do Porto, contando naquel momento con 140 empregados. Hoxe, con máis de 9.000 traballadores, segue centrada maioritariamente nesta marca, aínda que o Grupo sexa PSA Peugeot Citroën.
Cifras de récord en anos sucesivos
No ano 2002 fabricou 476.000 vehículos, cifra que parecía un récord, superado no ano 2004con 481.500 coches. No ano 2005, a produción é de 441.400 vehículos, pero a pesar da oscilación e descenso nalgún ano, aínda así era a primeira fábrica do Grupo. No ano 2007 conseguiuse establecer un novo récord da produción da fábrica alcanzando 547.200 unidades.
Os modelos que "monta" Citroën na súa planta de Vigo a finais do ano 2007 eran o Citroën Berlingo (Berlingo e First, Peugeot Partner , Citroën Xsara Picasso, Citröen C4 Picasso e Gran C4 Picasso. A produción faise na fábrica en tres quendas e unha planta piloto a escala mundial, a súa vez a factoría de Vigo é actualmente unha das plantas de automoción máis flexibles a nivel de persoal de Europa.
O Grupo PSA Peugeot Citroën, recoñece a importancia da planta de Vigo chegando a dicir que "La planta gallega, pese a sus limitaciones de superficie (650.000 metros cuadrados) y a su ubicación geográfica, se ha convertido en uno de los centros industriales de automoción más rentables y productivos de Europa. La clave del éxito de la planta de Vigo se encuentra en su alto índice de productividad. Por ejemplo, la utilización de la maquinaria útil es de un 114% para la media del Grupo PSA, mientras en la factoría gallega es del 140% .«La productividad en Vigo es superior en ese parámetro, pero también en valor añadido por vehículo y en costes de logística y transporte".
A través da Zona Franca, Citroën exporta anualmente arredor do 82- 86% da súa produción (85% no ano 2005). Cada ano expórtanse máis de 400.000 vehículos terminados e vehículos en pezas para a súa montaxe noutros destinos. Os principais países destinatarios dos automóbiles fabricados en Vigo son Francia, Gran Bretaña, Italia e Alemaña, entre os europeos, e outros de distintos continentes como Turquía, China, Arxentina e Brasil.
O transporte marítimo compensa a localización da factoría
A exportación parte do porto de Vigo na instalacións ro-ro da Terminal de Transbordadores, que contan cunha superficie por encima dos 285.000 metros cadrados e ramplas fixas de 40 metros de anchura.
O transporte marítimo serve para compensar a mala localización xeográfica de Vigo –periférica do lugar das vendas– . PSA busca neste tipo de transporte rapidez e menores custos. Até hai pouco tiña un armador, Suardíaz, que se encargaba do transporte ro-ro dende o porto de Vigo a toda Europa. Na actualidade, tamén realiza este transporte unha das maiores empresas europeas de transporte ro-ro, a empresa UECC (United European Car Carriers), participada pola sueca Wallenis e a xaponesa NYK ( Nippon Yusen Kabushiki Kaisha).
Desenvolvemento dunha importante industria auxiliar
Rodeando a PSA existe na zona de Vigo unha importante industria auxiliar do automóbil , que produce para diversos fabricantes de diversos países. Está integrada por máis de 60 empresas cuxa facturación conxunta supera os 2.200 millóns de euros. A industria auxiliar, exporta por riba do 60% do que fabrica sendo os principais clientes Francia, Portugal, Estados Unidos e Alemaña. Por poñer un exemplo, Viza – fábrica de estruturas de asentos afincada en Porriño– destina o 60% da súa produción a PSA en Vigo aínda que os seus clientes directos son os fabricantes finais de asentos: Faurecia, Lear e Johnson Control. O Clúster (asociación) de Empresas de Automoción de Galicia (Ceaga) agrupa un total de 53 empresas de compoñentes, multinacionais instaladas en Galiza e de capital local con proxección internacional, alcanza unha facturación situada en torno ós 1.800 millóns de euros, cuns investimentos de 48 millóns. O 65% da produción total expórtase. As empresas asociadas contan con aproximadamente 11.000 empregos e cun importante aumento dende hai 4-5 anos.
O modelo de fabricación de Citroën coñecido como ‘just in time’, sistema polo que o construtor emite a orde de aprovisionamento as auxiliares cando o coche entra na liña de montaxe e que pretende que sexa extensible a todo o proceso de fabricación no futuro, obrigará a que a industria auxiliar estea implantada a só uns minutos da fábrica de automóbiles, por este motivo no Parque Tecnolóxico e Loxístico de Valadares e co obxectivo de recortar tempo xa empezaron a instalarse empresas como Denso, Benteler, Antolín..e parques loxísticos a só uns km de Vigo como Salvaterra-As Neves parecen quedar lonxe para cumprir este obxectivo.
_______________
sábado, 21 de junho de 2008
Citroën, tan produtiva como contaminante
Postado por Colectivo Sociocultural "A Revolta de Trasancos" às 09:50
Marcadores: Automoción, Citroën de Vigo
Assinar:
Postar comentários (Atom)
0 comentários:
Postar um comentário