sábado, 21 de junho de 2008

Ence contamina máis que toda a cidade do Lérez

PONTEVEDRA
Ence contamina máis que toda a cidade do Lérez
A pasteira, moi criticada dende a súa instalación en Lourizán, repercute de forma negativa na pesca e no turismo e mingua a calidade de vida
04.06.2008 RAMÓN VARELA . SANTIAGO

Na mesma época, principios dos 60, en que no norte de Galiza se instalaba a refinería de Petróleo da Coruña, no sur do país tamén se localizaba unha industria recoñecida como "contaminante". É o caso da fábrica de celulosa de ENCE. Cando un visitante se achega á cidade de Pontevedra, pode recoñecer o seu cheiro característico a "ovos podres" ou a "repolo cocido", cheiro típico das cidades que teñen nas súas proximidades unha celulosa tipo kraft que emite mercaptanos e compostos sulfurados. A fábrica de celulosa de ENCE, instalada entre Marín e Pontevedra, trouxo cambios notables non só na atmosfera, senon tamén na auga da Ría de Pontevedra e na contorna social. A perda de calidade de vida na zona é notoria grazas a ENCE.

O grupo empresarial ENCE engloba un amplo número de empresas que desenvolven actividades diferentes: forestais, taboleiros, celulosa, papel, eléctricas, servizos de consultoría, etc. Con sé social en Madrid, ten centros produtivos en diferentes puntos da península Ibérica ( Huelva, Pontevedra, Navia) e en Uruguai. É. polo tanto, unha empresa forestal ibérica e americana transformadora integral de madeiras e recentemente dedícase á produción de madeira aserrada e taboleiro contrachapado de eucalipto.

A propia empresa defínese como a primeira empresa forestal madeireira do Sur de Europa e na súa Memoria Anual asegura que é "o primeiro propietario de bosque madeirable de eucalipto do mundo e líder en Europa e segundo subministrador mundial de celulosa de eucalipto (cunha produción dun millón de toneladas ao ano)". É, sen dúbida, unha empresa importante, privatizada hai apenas seis anos.

ENCE conta con tres fábricas de celulosa no Estado e é o primeiro xerador eléctrico ibérico con biomasa. En Galicia, ademais da celulosa de Pontevedra, ten o Centro de Investigación e Tecnoloxía, a filial forestal Norfor, a planta de taboleiros contrachapados Eucalipto de Pontevedra e o viveiro de plantas forestais Viveiro de Figueirido.

Estrutúrase en dúas Divisións: a División Forestal e a División Celulosa e Enerxía. A división forestal de ENCE conta cun patrimonio forestal superior ás 200.000 hectáreas. E anualmente ten vendas da orde de 300 millóns de euros. A división forestal comprende unha serie de aspectos distintos entre si moi relacionados. Pola súa banda, a división de Celulosa e Enerxía conta con 940 traballadores e no ano 2005 tivo unhas vendas de 516,2 millóns de euros en celulosa (venda de 1.034.000 toneladas) e enerxía eléctrica (1.240.000 Mwh). A división de Celulosa produce e comercializa celulosa de eucalipto TCF (totalmente libre de cloro) e ECF (libre de cloro elemental) nas tres fábricas de Huelva, Pontevedra e Navia-Ceasa. En Pontevedra e dende 1988 é exclusivamente pasta libre de cloro TCF (Totally Chlorine Free) que emprega o osíxeno e a auga osixenada para branqueo. A comercialización de celulosa no Reino Unido realízase a través da súa filial Encell con capacidade de 1,04 millóns de toneladas de celulosa.

No referente á Enerxía, ENCE xera electricidade en tres fábricas aproveitando os residuos forestais principalmente. A produción é para autoconsumo e a enerxía excedentaria é para venda á rede electrica. Conta coa empresa Celulosa Energía S.L.dedicada a este fin. A produción eléctrica supera normalmenteos o millón de Mw.h/ano. En Pontevedra a produción de electricidade e vapor (75 t/h) realízase a partir da queima nunha caldeira de leito "fluído" de biomasa residual do propio proceso como codia, lignina e serraduras, e dende o ano 2002-03 inclúe lodos de depuradora filtrados e prensados (biolodos) procedentes do tratamento físico-químico e tamén dende ese ano as cinzas da caldeira de biomasa utilízanse como material de compactación na preparación de superficies de manipulación e aprovisionamento de madeira, nas instalacións do Complexo Industrial.

Durante o ano 2006, a electricidade producida en ENCE foi de 1.026.000 Mw (1.233.200 Mwh, no 2004 e 1.240.000 Mwh h no 2005) comercializándose externamente o 78% da produción. No ano 2005 a xeración de electricidade en ENCE-Pontevedra foi de 201.000 Mwh, en ENCE-Navia a produción foi de 154.000 Mwh e en ENCE-Huelva chegou a a 885.000 Mwh. O consumo de electricidade na factoría de Pontevedra cun total de 232.180 Mw, é moi importante, con esa mesma electricidade podía abastecerse case 6.000 habitantes todo o ano.

Aspectos económicos do grupo ENCE

No seu conxunto, o grupo ENCE presenta unhas vendas no ano 2007 de 637 millóns de euros ( venda de pasta 497 millóns, venda de electricidade 66 millóns, venda de madeira 73 millóns...) e obtivo 58,2 millóns de beneficio neto. Trátase, polo tanto, dunha grande empresa con importantes beneficios. O capital social da Sociedade está representado actualmente por máis de 25 millóns de accionistas. As accións de Grupo Empresarial ENCE, S.A. cotizan no Mercado Continuo da Bolsa española.

No ano 2007, os maiores accionistas eran Alcor Holding co 21,3%; e Retos Operativos co 21% . O resto distribuíase en Atalaya Inversiones, Cajastur, Cantábrica de Inversiones e entre accionistas privados e fondos institucionais, tanto do Estado como extranxeiros.

A Celulosa de Pontevedra ten a súa orixe no Decreto de 15 de novembro do 1956 (B.O.E 20/11/96, N. 325), onde o Goberno dispuxo a constitución, polo INI,(Instituto Nacional de Industria) dunha Empresa Nacional cuxa finalidade sería a fabricación de pastas papeleiras cru e branqueadas, mediante a aplicación do proceso ao sulfato, utilizando como materia prima as madeiras producidas nas provincias galegas. En abril do 1957 constitúese a Empresa Nacional de Celulosas de Pontevedra S.A. No outono do 1962 e despois da polémica suscitada e de diversas protestas pola súa instalación polas negativas repercusións para a pesca e marisqueo da ría, a factoría entraba en funcionamento sen ter licenza municipal.

O 11 de agosto do 1965, con 300 reclamacións en contra, entre elas as da Subsecretaría de Turismo, Dirección Xeral de Sanidade, Comandancia de Marina, Deputación Provincial e veciños, e aínda recoñecendo o pleno que a fábrica é "molesta e nociva", o alcalde Filgueira Valverde aproba a concesión da licenza.As instalacións deseñáronse para que a factoría puidera utilizar madeira distinta indistintamente e dimensionada orixinalmente cunha capacidade de produción anual de 36.000 t. Esta foise incrementando paulatinamente ata as máis de 400.000 t actuais. A localización de ENCE na enseada de Praceres, foi sen dúbida incorrecta, recoñecida actualmente por calquera cidadán.

O grupo ENCE era propietaria até hai pouco da empresa química Electroquímica del Noroeste S.A. (Elnosa) que produce máis de 100.000 toneladas anuais de sosa cáustica, cloro, ácido clorhídrico e hipoclorito sódico, e facturou 16,42 millóns de euros no 2002. En Pontevedra o complexo ENCE-Elnosa era un todo, mesmo con infraestructuras comúns –sistema de verteduras por exemplo–. Entre o ano 2001 e 2003 ENCE vendeu o 100% de Elnosa á empresa lusa Química de Portugal (Quimigal). Esta empresa pertence ao grupo José de Mello, un dos maiores hóldings privados de Portugal. Está presente nos sectores químico, financieiro, infraestruturas, saúde, inmobiliario, transporte e enerxía). Seguirá no asentamento industrial de Lourizán (Pontevedra), compartido por ambas as dúas sociedades. ENCE e Quimigal continuarán coas súas relacións de prestación mutua de servizos e de intercambio de produtos no asentamento industrial de Lourizán (Pontevedra) que comparten.

En decembro do 2003, ENCE pretendía construír pegada á celulosa unha fábrica de papel tisú cunha capacidade de 60.000 toneladas/ano. O Grupo Empresarial ENCE, S.A., Sodiga, representada por Xesgalicia, e a multinacional americana Georgia-Pacific, S.A. asinaran un acordo regulador das condicións para o desenvolvemento conxunto dunha fábrica de papel tisú en Pontevedra e un protocolo de confirmación deste compromiso co presidente da Xunta de Galicia, naquel momento Manuel Fraga.

O desenvolvemento desta iniciativa auspiciada por Caixa Galicia, que detentaba unha parte das accións de ENCE e tiña a presidencia do Grupo, pretendía levarse a cabo a través da sociedade Tisú de Lourizán, S.L., na que Georgia-Pacific tería a maioría con un 60 por cento como socio estratéxico, detentando ENCE un 30% e Xesgalicia o 10% restante.

O 2018, data límite para abandonar Lourizán

ENCE ten unha concesión pública de terreos afectados pola Lei de costas do 1988, na que se establecía un tope de 30 anos para a súa reversión ao dominio público. É unha concesión que caduca no 2018. Desde o punto de vista xurídico pero tamén económico, é moi importante destacar que a caducidade da concesión de solo público que se producirá no 2018 non é algo novo, sorpresivo nin imprevisto para a empresa, e por ese motivo pretendía coa privatización levada a cabo no 2001 e co proxecto da fábrica de papel tisú no proxecto do 2003 afianzar o espazo que ocupa e alongar a concesión de feito por decenas de anos. En todo caso, os anos que aínda restan servirán para pensar con tempo a súa relocalización e mesmo para aprovisionar os fondos necesarios para financiar as novas instalacións.

Convén destacar do Complexo ENCE-Elnosa o seguinte: a industria de pasta de papel é unha actividade moi intensiva en capital e xera poucos empregos directos, só 275 postos de traballo (286 postos no ano 2005), que representan o 0,5% do emprego da comarca. Ademais, ten unha incidencia negativa na evolución dalgunhas actividades económicas como actividades pesqueiras-acuícolas, turísticas, urbanística… ademais de afectar á calidade de vida de toda a poboación. A súa contribución económica á facenda local é moi modesta, apenas achegou no 2004 uns 103.173 euros en concepto de IBI e uns 79.261 euros en concepto de IAE. A pesares do altísimo consumo de auga (aproximadamente uns 12-13 millóns de metros cúbicos anuais) non paga canon de saneamento e non resarce ás arcas públicas polo uso e contaminación dese ben público. Por último cómpre destacar que ENCE conta cunha planta de coxeración de biomasa (onde ademais de residuos se queiman lixivias negras e biolodos) cunha potencia de 37 MW xerando anualmente máis de 200.000 Mwh/ano de electricidade e por riba de 1,2 billóns de Kcal/ano en vapor empregado para a cocción branqueo e secado da pasta.
_____________

0 comentários: