Adro
No mes de Xuño de 2008, o xornal Galicia Hoxe, publicou en diferentes entregas un informe do histórico ecoloxista galego Ramón Varela Díaz, catedrático de Bioloxía e Xeoloxía e doutor en Bioloxía, onde análisa as industrias e factorias máis contaminantes instaladas na Galiza. Pola súa importancia e enorme contributo na defensa do medio ambiente, da nosa terra, ríos, rías e costas, decidimos difundilo a través deste Blog Monográfico sobre o citado Informe. Modificamos algunhas frases da presentación para adaptalo ao conxunto do informe que publicamos, sen variar o seu significado.
Saúde e Liberdade !
Obrigad@s
"Deixa o hábito!
Cara a unha economía baixa en carbono"
A Asemblea Xeral das Nacións Unidas decidiu no ano 1972 declarar o 5 de xuño como o Día Mundial do Medio Ambiente. Dende entón, cada ano, todos os países celebran esta data a través dunha reivindicación ambiental que este ano se inscribe baixo o lema: "¡Deixa o hábito! Cara a unha economía baixa en carbono". Por este motivo, Galicia Hoxe, da man de Ramón Varela, decidiu publicar o informe sobre as empresas contaminantes ó longo da Semana Galega do Medio Ambiente para chamar a atención sobre os problemas que vive o noso medio e alertar sobre a necesidade de promover un papel activo da sociedade que faga mudar esta situación. Para o autor desta serie especial, "o 5 de xuño é unha data para celebrar e para concienciar da necesidade de que os temas ambientais estean máis presentes en todos nós".
informe
"Galicia contamina máis do que lle toca"
Con motivo do Día Mundial do Medio Ambiente, Galicia Hoxe publicou unha análise de Ramón Varela Díaz sobre as compañías que máis gases tóxicos expulsan á atmosfera, facéndonos duplicar a media estatal de emisións por quilómetro cadrado
REBECA FERNÁNDEZ
Galicia contamina máis do que lle toca tanto por focos de emisións, como por habitante e quilómetro cadrado. Así o revela Ramón Varela Díaz, autor do informe "As grandes contaminantes na Galiza", que Galicia Hoxe publicou, con motivo do Día Mundial do Medio Ambiente, que se celebrou o 5 de xuño. A central térmica de Endesa nas Pontes, a de Meirama que Unión Fenosa ten en Cerceda, a celulosa ENCE de Pontevedra, a refinería de Repsol da Coruña, a factoría PSA Peugeot-Citroën de Vigo, Alúmina-Aluminio de San Cibrao e Ferroatlántica de Cee son as protagonistas dun exhaustivo informe elaborado por Ramón Varela Díaz.
Catedrático de Bioloxía e Xeoloxía e doutor en Bioloxía, Varela deixou hai doce anos a presidencia de Adega, circunstancia que non o inhabilita para seguir sendo unha das referencias do ecoloxismo galego. Autor de libros como "Contaminación atmosférica en Galiza: inventario de emisións de gases de efecto invernadoiro, gases acidificantes e dioxinas", a súa é, sen dúbida, unha da voces máis autorizadas para alertar dunha realidade cada vez máis preocupante: o aumento imparable das emisións á atmosfera e a recrudescencia do efecto invernadorio. "As empresas recollidas nesta análise son industrias altamente contaminantes, que están a provocar un impacto ambiental considerable", apunta, tras recordar que o efecto invernadoiro non é algo alleo á nosa comunidade, senón un fenómeno ó que contribuímos co "noso gran grao de area" todos os días do ano.
De feito, Galicia emite máis toneladas de gases contaminantes por persoa e quilómetro cadrado que a media estatal e mesmo que outros países da UE moito máis grandes e industrializados. Segundo os datos de contaminación atmosférica, Galicia emite 12,7 toneladas por habitante de gases de efecto invernadoiro fronte ás 9,59 TM do Estado, as 10 de Alemaña, as 8 de Austria ou as 9 de Inglaterra. En canto ó volume de emisión por quilómetro cadrado, Galicia rexistra unha media de 1.196 toneladas fronte ás 589 da media do estadol. "Estamos emitindo unha cantidade de gases que non nos corresponde nin pola nosa extensión, nin pola poboación, nin polo noso nivel de vida", asegura Ramón Varela, quen apunta que esta circunstancia se dá a pesar de que a nosa comunidade non conta con moitos focos de emisións.
Esta é precisamente a chamada de atención que este catedrático de Bioloxía e Xeoloxía quere trasladarlles á sociedade e ás administracións: ó contar con apenas seis ou sete grandes industrias contaminantes é realtivamente fácil actuar sobre elas para que reduzan as súas emisións. "A nosa situación non é coma a doutros lugares onde o problema está moi repartido, con decenas ou centenares de focos, e actuar sobre eles é complicado para unha Administración. Aquí é todo o contrario. É unha simplificación. Aquí, a Administración podería facilmente actuar sobre elas", explica Varela Díaz.
Esta é precisamente unha das contradiccións que, para este experto, se dá na nosa política ambiental: "As campañas de prevención están moi enfocadas á cidadanía de cara á necesidade de aforrar enerxía. Non obstante, actuando sobre unha soa industria estariamos reducindo o esforzo de 100.000 cidadáns ou mesmo dun millón. Con iso, quero dicir que é máis fácil actuar sobre unha Endesa para que a súa eficiencia sexa maior, que non que 100.000 cidadáns estean apagando a luz, que resulta moito máis complicado", indica Varela, circunstancia que, non obstante, non exime os cidadáns da súa responsabilidade e da necesidade de actuar.
O certo é que estas medidas de corrección das industrias xa se están levando a cabo noutros países e mesmo noutras comunidades do Estado, un proceso de adaptación do que Galicia semella estar na marxe. "Moitas das industrias contaminantes asentadas na nosa terra non se comportan igual nas factorías que teñen noutros países con respecto ás de aquí. Mentres buscan evitar a contaminación doutros lugares, aquí están actuando como a tiro libre, sen preocuparse para nada da contaminación", afirma Ramón Varela, que pon como exemplo o caso de Endesa en Teruel, no que xa tomou medidas para reducir un 95% as súas emisións. Unha acción que, segundo este experto, obedece á gran presión social e política existente en Aragón. "Aquí, como non existe esa presión fronte a Endesa, non adoptan esas medidas", engade Varela. "As empresas aforran custos, que recaen en todos nós. Porque esa contaminación prexudícanos a nivel de saúde e de horas perdidas no traballo", puntualiza.
Grazas ós sete informes que o Galicia Hoxe publicou, o lector pode afondar moito máis na realidade destas industrias, dende o punto de vista económico, social e ambiental. Unha ampla análise pormenorizada que Ramón Varela non descarta que acabe materializándose nun libro chamado a ser un verdadeiro manual sobre a contaminación atmosférica. "O certo é que en Galicia non contamos con demasiado material sobre este tema", recoñece Varela, quen destaca do seu traballo a vocación de relacionar a visión económica da industria coa súa repercusión na sociedade e sobre o medio.
Finalmente, o informe pretende ser unha chamada de atención a estas industrias contaminantes, que poderían facer máis polo medio xa que "son empresas cunha rendibilidade moi grande, con enormes beneficios, que non redundan máis que nos postos de traballo, deixándonos a cambio uns custos sociais excesivos".
__________
sábado, 21 de junho de 2008
Presentación do Informe de Ramón Varela Díaz: "As grandes contaminantes na Galiza"
Postado por Colectivo Sociocultural "A Revolta de Trasancos" às 10:40
Marcadores: Presentación do Informe
Assinar:
Postar comentários (Atom)
1 comentários:
A central térmica de Endesa nas Pontes, a de Meirama que Unión Fenosa ten en Cerceda, a celulosa ENCE de Pontevedra, a refinería de Repsol da Coruña, a factoría PSA Peugeot-Citroën de Vigo, Alúmina-Aluminio de San Cibrao e Ferroatlántica de Cee son as protagonistas dun exhaustivo informe elaborado por Ramón Varela Díaz.--
CONCLUSIÓN:
-TOTAL, mellor pechalas todas, e A VIVIR QUE SON DOUS DIAS....
Postar um comentário